Sopa de festa
LV Festa do viño do Condado
Este luns, e para despedir as festas gastronómicas de agosto, “Sopa de Festa” cédelle o protagonismo ao viño. Despois de tanto rico manxar, o programa visita Salvaterra do Miño para gozar de primeira man da exaltación do que é, sen dúbida, o seu produto estrela, o viño albariño. Esta importante celebración cumpre 55 anos e é unha das máis importantes dedicadas ao viño das Rías Baixas.
Salvaterra é terra de viñedos; 21 adegas compoñen a variedade de viños que se poderán degustar nas diferentes casetas da festa. Centos de persoas acoden a esta comarca pontevedresa para deleitar o padal con estes viños de tanta sona, tanto a nivel nacional coma internacional.
Como non podería ser doutra maneira, e para coñecer mellor as peculiaridades desta variedade vinícola, o espazo visitará a Adega Fillaboa, unha das máis grandes da provincia de Pontevedra, situada nun enclave inmellorable. Da man do seu director, visitaranse os viñedos e as adegas e o proceso de elaboración dos viños.
Antes do inicio da festa grande, “Sopa de Festa” asistirá ao nomeamento dos novos Confrades da Confraría do Viño do Condado de Tea e á elección dos premiados coa categoría de “Viños Deliciosos do Ano”. A cata e a diversión da xente na apertura das casetas, xunto cos puntos máis relevantes desta comarca, regada polos ríos Tea e Miño, completarán a edición de hoxe do programa.