Documental
Luz Fandiño, a poeta analfabeta
A Poeta Analfabeta é unha película documental que retrata unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 89 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testemuña das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa.
O relato do documental xira ao redor do seu retrato: a súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética. Pero tamén arredor daquilo que Luz xera á volta dela e que conforma o seu legado, porque para moita xente Luz é un referente, case unha icona. Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. Como entende o mundo esta poeta, que a pesar do tremor das súas mans escribe todos os días? Que a move a tal esforzo?