CRTVG

Buscar

Entrevista deportes

Entrevista a Luis Suárez, Balón de Ouro

02/05/2015 19:00 h

Luis Suárez Miramontes, o único futbolista galego e español que ten acadado o Balón de Ouro, celebrou na Televisión de Galicia o seu 80 aniversario cunha entrevista en que fixo un percorrido pola súa traxectoria persoal e futbolística, acompañada de vídeos descritivos do seu esplendor como xogador. O programa especial, gravado en días anteriores, fixo ás veces de agasallo de aniversario porque se emite precisamente no seu día, este sábado, ás 19.00h, na tvG2. 

Ao longo dunha hora de duración, o lendario xogador repasará con sinceridade e sen evitar temas polémicos os seus comezos no Perserverancia club do barrio coruñés de Monte Alto, ou o seu traspaso do Deportivo da Coruña ao Barcelona conxuntamente con Dagoberto Moll, quen pasará polo estudio da Televisión de Galicia, nun dos momentos máis intensos da entrevista. 

A etapa no equipo catalán, centrará unha das partes máis interesantes do programa achegando luz sobre a polémica da época entre kubalistas e suaristas. O traspaso máis caro do fútbol, a súa fichaxe polo Inter e a exitosa traxectoria no equipo milanista, sempre salpementadas de detalles singulares e pouco coñecidos polos afeccionados, desembocarán no Luis Suárez internacional e na súa etapa como adestrador. 

Ao remate haberá un aceno ao pasado como agradecemento, coa entrega dunha réplica dun balón de ouro como o que recibiu en 1961. Precisamente, estes días Suárez ten doado o trofeo orixinal ao Museo do FC Barcelona. 

Atopar capítulo por: