Ti que tocas?
Luís, Esther, Alberto e Rita
O programa “Ti que tocas?”, que cada semana amosa as historias persoais dos membros de agrupacións musicais afeccionadas ou semiprofesionais, coñecerá hoxe a Luís, un técnico da facultade de Forestais de Pontevedra que ten unha paixón: tocar o acordeón e tocar co seu grupo, Maravallada. Agora teñen un reto importante, xa que queren recuperar os “cantos de taberna”.
Pola súa parte, Esther traballa de caixeira nunha cadea de alimentación de Cambados, pero o que máis a apaixona é tocar o saxo tenor. Os espectadores verán como, no seo da Orquestra Municipal de Castrelo, ten que afrontar como solista a “Balada Galega” no Día das Letras.
“Ti que tocas?” tamén se atopará este domingo con Alberto, un rapaz da Coruña de 32 anos que xa ten un Goya na casa. El é debuxante, pero o que de verdade lle gusta é tocar a batería co seu grupo Lady Leño, coa que agora anda á procura dun estilo moi orixinal.
Finalmente, o espazo da TVG amosará a historia de Rita, unha administrativa de Santiago que é unha apaixonada do piano e que está a compor unha banda sonora para un “book trailer”.