A revista
LiresCa, novo espazo cultural con vocación local medioambiental da Costa da Morte
Cada vez agroman máis por Galicia proxectos turísticos respectuosos co medio e concienciados coa importancia de defender e divulgar a cultura local como valor diferenciador para eses viaxeiros que buscan autenticidade. Feito en Galicia, nada de feito en Asia. Un novo proxecto de turismo rural en Lires, con conciencia medioambiental e orgullo local, cédelles os seus muros aos creadores da zona para lograr que os visitantes marchen empapados da verdadeira cultura, tradicións e vida cotiá das xentes da Costa da Morte.
Toneladas de refugallos plásticos reptan decote pola nosa costa. E ducias de creaturas caóticas agatuñan os muros do espazo expositivo desta nova casa rural da Costa da Morte, entre caras abraiadas pola situación do noso mar e cascos que perderon as súas cabezas nunha profesión, de de mariñeiro, moi estresante. O lixo no mar é a teima da Asociación Mar de Fábula e o seu promotor Xosé Manuel Barros o creador destas pezas e da exposición de denuncia que recunca agora en Lires, acollida pola filosofía do lugar.
Mariví Areas.Turismo rural con conciencia e orgullo local
Mariví cóntanos que queren ter exposicións locais, non permanentes, que se inician ca de Mar de Fábula para lanzar unha mensaxe medioambiental moi unida á arquitectura e construcción da propia casa rural.
Con esta exposición do estado do mar na Costa da Morte, de espíritu local pero á vez planetario, a dirección da casa rural inserta no paso de turistas e dos camiñantes a Muxía e Fisterra, aproveita para lanzar esa mensaxe de sensibilización e redunda na súa esencia: mostrar o que se fai e se vive na fin do mundo co traballo dos seus artesáns, produtores, creadores e artistas, desde a gastronomía á música.
A casa ten acordos de colaboración, xa no plan de vaibilidade, con entidades sen ánimos de lucro, e artistas locais. A idea é promover esa creación local e daí que nos corredores do aloxamento, en exposición permanente, teñen fotos das distintas artes de pesca da zona realizadas polo premiado fotógrafo, Marcos Rodríguez, expresamente para Liresca, ao igual ca unha montaxe mariña de Palmira Castro.Para Marcos Rodríguez este é un espazo común onde os artistas locais poden expoñer, e dar a coñecer aos viaxeiros o que son e o que fan as xentes da Costa da Morte.
Mariví asegura que están a falar con todo tipo de creadores, desde oleiros, fotógrafos ou mesmo música porque queren que o viaxeiro cando chegue a este espazo se empape da Costa da Morte.
A súa aposta pola conservación e divulgación da cultura local séntese desde que un chega á casa de arquitectura tradicional galega, levantada polos avós da propietaria e restaurada con materiais naturais como a pedra e madeira orixinais, un proxecto familiar moi pensado de respecto ao medio que exhibe xa desde a fachada.
Mariví detalla que nas fachadas reutilizaron a pedra da casa dos avós e parte fixérona de madeira reciclada de batea, o que fai que sexa máis eficiente enerxeticamente e contribúa ambientalmente
A exposición de Mar de Fábula aínda está aberta ata finais de agosto. Camiñantes de todo o mundo, de volta ás súas orixes, contarán abraiados as creaturas fantásticas que agroman do caos consumista, habitantes da conciencia medioambiental que medra alén da fin do mundo, nados para dar a coñecer a esencia da Costa da Morte