CRTVG

Buscar

Sopa de festa

LII Festa do Polbo do Carballiño

11/08/2014 22:30 h

Una semana máis, o programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa” volve ser testemuña directa de que os produtos gastronómicos de Galicia gozan de moi boa saúde. Hoxe, as cámaras do programa compartirán cos espectadores galegos unha das festas por excelencia de Galicia: a Festa do Polbo do Carballiño, que tras 52 edicións continúa albergando milleiros de visitantes. 

Se a tradición de comer polbo en Galicia traspasa fronteiras, tamén o fan as polbeiras, un oficio que, de xeito moi curioso, está arraigado na provincia de Ourense e máis no Carballiño. Esta noite, “Sopa de Festa” achégalles un programa onde ademais do produto estrela as polbeiras tamén serán as principais protagonistas.

Desde hai máis de médio século, o parque do Carballiño acolle unha das citas gastronómicas con máis sona da comunidade: a Festa do Polbo do Carballiño, unha gran xuntanza popular de veciños, visitantes, turistas e familias, que se reúnen esta xornada para comer unhas boas racións deste manxar galego. E como non podía ser doutro xeito, esta oportunidade non a quixo perder o equipo de “Sopa de Festa”, que se achegou ata o campo da festa para compartir con todos esta data e a súa gastronomía. 

Hoxe, en “Sopa de Festa” verase como as polbeiras, desde primeiras horas da mañá, preparan as súas potas de cobre para cocer os milleiros de quilos de polbo que se degustarán na festa. Ademais, serán elas as que lle conten á audiencia polo miúdo o seu oficio e a tradición familiar de ser polbeira. Os outros protagonistas serán os tamén milleiros de asistentes que ese día gozan da festa; serán eles os que lles amosen aos espectadores da TVG como o están a pasar e sobre todo como está de bo o polbo.

Por outro lado, e como xa é habitual, “Sopa de Festa” tamén lles ofrecerá unha receita diferente para comer e cociñar o produto que se exalta en cada celebración. Hoxe, o restaurante “Muíño das Lousas” preparará un prato de polbo, onde a tradición e a innovación culinaria se mesturan.

As belezas da comarca e os principais atractivos turísticos da vila, xunto coa música, completarán a edición de hoxe de “Sopa de Festa”.

Atopar capítulo por: