Libro de familia
Capítulo 211: Sen censura
Os homes da vila descoidan as súas mulleres polas portadas de artistas espidas.
A vila de Santalla amence cunha nova: desapareceu a censura, así que D. Venancio comeza a preocuparse pola moral e a decencia do país cando as revistas de mulleres lixeiras de roupa comezan a circular demasiado alegremente. Elvira, como non, secúndao na súa cruzada puritana, e tan só Elías, o taxista, é capaz de rescatar un póster de Marisol da casa do cura, co que fará negocio amosándoo a cambio dunhas moedas. Pola contra, as mulleres da vila están preocupadas porque os seus homes lles fan máis caso a unhas fotos que a elas, e vai ser o vello Cosme quen as axude facendo que os homes recuperen o interese por elas.
Doutro lado, a paralización das obras do encoro deixa sorprendidos a todos os habitantes da vila, e tamén a Pedro, que de agora en diante se centrará na súa vinganza, comezando pola conquista definitiva do corazón de Laura. A mestra séntese traizoada e ferida por Manuel Cabanas e por Freire, dúas persoas ás que sempre estivo moi unida, polo que decide que no futuro as súas vidas vaian por camiños distintos. Amais, hai unha reprimenda monumental entre María e Tomás despois de que este atope a Marcos e a María na súa antiga casa.