Libro de familia
Capítulo 207: Sangue azul
A coroación de Don Xoán Carlos como Rei de España provoca que algúns veciños de Santalla comecen a ter delirios de grandeza ao crer a historia de que hai un bastardo real na vila, e Senén e Elías serían os supostos candidatos a título tan distinguido, algo polo que van ter que aturar bromas de todo tipo. Namentres, Tomás amósase preocupado pola marcha de María e non consegue comunicarse con ela cando a chama a Santalla, feito que aproveita a súa secretaria en Madrid, Marga, que continúa intentando seducilo. Polo de agora irán cear xuntos. Amais, desde Madrid chegan moi boas noticias respecto ás obras do encoro, aínda que Tomás non ten garantía do cen por cento da información.
Doutro lado, Marcos comeza a tirar da manta respecto ás malas artes de Pedro no asunto do usufruto das terras de Laura e non atura a actitude pouco profesional de Pedro cos campesiños, polos que vai interceder como avogado... Así as cousas, Pedro comeza a ver a Marcos coma un problema serio para os seus proxectos e comeza a urdir un plan para sacalo do medio. Ademais, Álvaro intenta facer ver a Marcos a mala intención de Pedro respecto a Laura e, aínda que polo de agora o mozo avogado non fai caso destes avisos, os feitos faranlle ver a luz...