No bico un cantar
"Lévame, lévame"
O programa “No bico un cantar” achegarase este sábado a outra das cancións imprescindibles do noso repertorio popular: o “Lévame, lévame”, unha peza alegre que convida ao baile e ao canto colectivo. É especialmente popular no litoral das Rías Baixas e naceu nunha delas, na ría de Arousa, co título de “Muiñeira de Vilagarcía”. Semella que a compuxo Manuel Rey Posse, un polifacético artista desta vila, e que, nun primeiro momento, foi cantada polas mozas da Sección Feminina.
A primeira gravación que se coñece do “Lévame” é a duns gaiteiros míticos: os Campaneiros de Vilagarcía. E Xoán Rubia foi un dos artistas que máis contribuíu á súa popularización, ao incluír a canción no disco “Cantares da miña terra”, que gravou en 1973 e que tivo unha enorme difusión.
Desde aquelas primeiras gravacións de finais dos 60, grupos dos estilos máis diversos non deixaron de incluír este tema no seu repertorio. É perfecto para as corais. É tamén unha canción de festa que non deixaron pasar grupos e solistas do folk como as Cantadeiras do Berbés, A Roda, Suso Vaamonde ou Leilía. Ademais, é imprescindible no repertorio mariñeiro e de taberna, pero adáptase a todas as situacións e cada ano hai máis artistas que non se resisten a facer a súa versión.
A historia do “Lévame” e o ambiente mariñeiro que a rodea serán os protagonistas desta nova edición do programa da TVG, onde os espectadores poderán escoitar versións de Treixadura, do gaiteiro Xavier Blanco, de Os Terribles de Arousa, de Guadi Galego e Paco Charlín, da Magnifique Bande dos Homes sen Medo, dos Vellos Ventos, do cuarteto Egeria de música clásica e dos mariñeiros da Illa de Arousa.