Land Róber
Land Róber. Especial (01/12/2011)
É posible xuntar nunha soa noite o humor á galega que máis nos fai sorrir? Pois isto mesmo vai suceder esta noite, grazas á edición especial de “Land Rober”, que TVG ofrecerá para seguir gozando de dúas horas de espectáculo familiar co máis puro humor feito por nós, unha das claves do seu éxito.
No estudio humorístico, que volverá repartir boas doses de entretemento e diversión, poderemos ver esta noite as actuacións musicais e os artistas máis variados, que sempre terminan, dun xeito ou doutro, por implicarse no espectáculo. Así, poderemos ver como David Bustamante intenta acertar o test musical que lle prepara Manolito “The Fisherman”;
como Paquirrín contesta nunha parodia do programa “Teño unha pregunta para vostede” facendo o papel da súa vida, de Kiko Rivera, e como o actor Luís Iglesia deixa a un lado o seu personaxe de Carmelo Matalobos para integrarse na comedia de situación.
Outros dos momentos máis destacados do programa é cando Alfonso Hermida, presentador de informativos da TVG, entrevista o inventor da frase “A cabeza non para”, Roberto Vilar; a gran final do concurso “Media castaña”, coas parellas máis divertidas; “Histerias de calzóns” e “Debater por debater”, así como unha versión inédita do espectáculo “Mamma Mía”, titulada “Nina mía”, a cargo do cantante galego Ramil, de OT, Manolito “El Pescador”, Roberto Vilar e a banda do programa.