Labranza
Labranza (27/11/20111)
1/ TOXO
Noutro tempo, o toxo desempeñaba un papel fundamental nas explotacións gandeiras. Usábase para as camas dos animais, para fertilizar as terras e para alimentar o gando. Sempre se deixaba espazo para o toxo no monte, e nalgunhas zonas de Galicia mesmo se sementaba coma un cultivo máis. Nesta reportaxe recuperamos unha noticia dos anos 50 para amosarlles un dos proxectos en que se traballaba daquela: a posta en marcha dun muíño para facer pensos con toxo para as vacas. Falamos desa iniciativa, que durou pouco tempo, e dos usos que aínda ten o toxo na actualidade.
2/ PRADERÍAS
A introdución de sementes seleccionadas na segunda metade do século XX foi mellorando a calidade dos pastos europeos. Un dos principais promotores da expansión das praderías en Europa foi Willem Prins, un investigador holandés xa xubilado que atopamos percorrendo o camiño de Santiago por terceira vez. Con el e con outros expertos repasamos o traballo da Federación Europea de Pastos e falamos de como se foron mellorando as forraxes para adaptarse ás demandas de cada momento.