CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Homenaxe a Cervantes, "Toro", "Julieta", "Mimosas", "Decorado" e Yunta Brava

24/04/2016 00:45 h

O “Zigzag-Eirado” réndelle hoxe homenaxe a Cervantes no cuarto centenario da súa morte. Por este motivo, Tino Santiago conversará co presidente da Real Academia Española (RAG), Darío Villanueva, sobre o escritor e a influencia que tivo en Galicia, comunidade en que mesmo hai unha vila lucense que leva o seu nome. 
No apartado de cine, o programa falará de dúas películas en carteleira: “Toro”, produción dirixida por Kike Maíllo e e con Luís Tosar e Mario Casas como protagonistas, que conta coa participación da Televisión de Galicia, e “Julieta”, o último filme de Pedro Almodóvar. Ademais, o espazo da tvG2 comentará a participación no festival francés de Cannes dunha longametraxe e mÁis dunha curta galegas: a película de Oliver Laxe “Mimosas”, que competirá na 55ª Edición da Semana da Crítica do prestixioso evento cinematográfico, e “Decorado”, curtametraxe de animación dirixida por Alberte Vázquez e unha das once que participarán na 48ª Edición da Quincena de Realizadores.
Moncho Lemos falará no seu apartado musical dun dúo metade galego, metade arxentino: Yunta Brava. Composto pola coruñesa María Rodríguez Rey e o arxentino Jorge Martire, estes dous guitarristas levan nos escenarios desde 2007 e interpretan con solvencia técnica boleros, tangos e música tradicional.

Atopar capítulo por: