CRTVG

Buscar

Premios Mestre Mateo

Gala dos Premios Mestre Mateo 2015

11/04/2015 22:00 h

   A Televisión de Galicia ofrecerá, en directo, a gala dos décimo terceiros Premios Mestre Mateo 2015 (22.05 horas), a gran festa do sector audiovisual galego, que presentará o showman Roberto Vilar desde o auditorio Palexco coruñés. Esta noite desvelaranse, entre 42 finalistas, os gañadores nas 25 categorías destes galardóns.

Un total de 17 producións da TVG son finalistas nesta edición, en que parte como favorita, con 16 candidaturas, a longametraxe “A Esmorga”, filme participado pola canle pública galega. Ademais do filme de Ignacio Vilar, “Os Fenómenos”, “Schimbare” e “El Niño” compiten na categoría de mellor película.

As longametraxes “A Esmorga” e “Os Fenómenos” (11 candidaturas), seguidas pola serie “Serramoura” (9) e pola película “Schimbare” (8), as catro participadas ou realizadas pola TVG, sitúanse á cabeza en maior cantidade de categorías desta edición dos Mestre Mateo. 

Na categoría de mellor comunicador/a, cómpre salientar que, optan ao galardón tres profesionais da Televisión de Galicia, Marga Pazos (“Telexornal Mediodía”), Xosé A. Touriñán (“A Casa da Conexa”) e Marta Doviro (“Mais Galegos”), xunto a Fernanda Tabarés de VTelevisión.

Como curiosidade, nos apartados de mellor programa de televisión (“A Casa da Conexa”, “Luar”, “Galegos no Mundo” e “ZigZag Diario”) e de mellor serie de tv  (“A Casa Manola”, “Era Visto!”, “Pazo de Familia” e “Serramoura”) todos os espazos que compiten son produtos da Televisión de Galicia.

O Premio de Honra nesta edición concederase á ourensá Fely Manzano, en recoñecemento ao seu amplo labor no mundo escénico e polo traballo realizado no audiovisual galego desde o seu inicio. Esta actriz de teatro, cine e televisión comezou a ser unha faciana moi popular entre a audiencia galega, tras participar en series da TVG como “Pratos Combinados”.

Atopar capítulo por: