Zigzag-Eirado
Fundación Luís Seoane / Manolo Gómez / Rafael Crespo
O espazo “ZigZag-Eirado” ofrecerá hoxe unha entrevista co director da Fundación Luís Seoane, David Barro, comisario de “Retrato de esguello”, unha exposición monográfica, producida entre o Marco de Vigo e a Fundación, que recolle a traxectoria da personalidade máis poliédrica da cultura galega do século XX. Este proxecto, que se formula como unha revisión global dun autor complexo e diverso, un creador de vocación universal, pousa a súa ollada nas múltiples facetas de Seoane e amósao como un artista total.
Outro dos protagonistas do programa desta noite será Manolo Gómez, quen, ademais de responsable de moitos proxectos cinematográficos de animación, como “O bosque animado”, é tamén un excelente artista plástico, que hoxe lles amosará aos espectadores a súa obra pictórica. Cunha visita ao seu estudio en Vilaboa, na Coruña, “ZigZag-Eirado” descubrirá un traballo cheo de cor, vitalidade e movemento.
Como cada semana, a música terá un oco no programa presentado por Tino Santiago, nesta ocasión co concerto tributo que hoxe lle dedica Carlos Núñez ao musicólogo estadounidense Alan Lomax, o folclorista máis importante do século XX; co novo disco de Davide Salvado, “Lobos”, composto por dez temas cheos de amor pola tradición, por Galicia, pola súa lingua e polas súas xentes; e coa proposta do dúo coruñés Bala, que mestura influencias que van desde o grunge ata o stoner, pasando polo punk e o rock máis escuro e heavy.
Sen deixar de lado a música, os espectadores coñecerán hoxe a Rafael Crespo, un gaiteiro que sempre apostou por darlle un toque de modernidade á gaita tradicional sen perder a súa esencia. Integrante da veterana asociación folk O Fiadeiro, Rafael comparte con esta formación o interese por recuperar de xeito permanente os acordes da música folk. Esta noite visita en solitario o programa “ZigZag-Eirado” para interpretar a “Marcha do Antigo Reino de Galicia”.