CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Frei Benito Jerónimo Feijóo / "Televapor" / Manolo Moldes

12/10/2014 01:00 h

O xornalista da TVG, Tino Santiago, entrevistará hoxe no espazo cultural “ZigZag-Eirado” ao catedrático Francisco Díaz-Fierros, especialista na obra do beneditino Frei Benito Jerónimo Feijóo, do que se cumpren agora os 250 anos do seu pasamento. Feijóo, que nacera ollando as beiras do Miño ourensá na localidade de Casdemiro, levou a cabo unha extensa obra literaria e ensaística que segue vixente hoxe en día. Foi a figura máis senlleira das correntes ilustradas que, normalmente influídas por Francia, influían na España do século XVIII.

Por outra parte, no espazo dedicado ás curtametraxes galegas, Moncho Lemos ofreceralles aos espectadores “Televapor”, de Ricardo Llovo e Paco Carballés, producida pola TVG e a Escola de Imaxe e Son da Coruña, con actores como Roberto Leal, Andrés Pazos e Xan Cejudo. “Televapor” é unha esbardallante comedia na que os seus actores fantasean sobre as desventuras de dous inventores galegos que conseguen poñer en marcha unha “pioneira” televisión a vapor.

O artista que entrevista esta semana Mon Santiso é Manolo Moldes, pontevedrés que cursou estudos de arquitectura en Madrid e de Belas Artes en Cuenca. No 2005 foi nomeado académico da Real Academia Galega de Belas Artes. Comeza expoñendo en Madrid e de volta a Galicia, a inicios dos 80, forma parte dos renovadores da plástica galega, coñecida como Atlántica (na que tamén estaban Anxel Huete, Antón Goyanes, Alexandro, Antón Patiño...). A súa obra -dual- móvese entre a figuración e a abstracción con moita presenza de cor. 

Complementa o “ZigZag-Eirado” deste sábado, a carteleira de cine, que presenta Angel Suances e a actualidade musical, por parte de Marta Gómez.

Atopar capítulo por: