CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Francisco Leiro / Eduardo Hermida / Roger de Flor

28/06/2015 00:45 h

O programa “ZigZag-Eirado” recibirá hoxe a visita do escultor Francisco Leiro, que reflexiona no Kiosco Alfonso da Coruña sobre iconas de guerras e desastres coa exposición “Escultura sentida”. Arredor de noticias que convulsionaron a sociedade nos últimos anos, Leiro formula unha nova mitoloxía en que as súas pezas se conforman como iconografía das informacións. As esculturas desta mostra amosan a habitual volumetría tosca selo do autor, que dan fe do Leiro máis humanista e comprometido.

Por outro lado, o espazo semanal da tvG2 achegarase á obra plástica do ferrolán Eduardo Hermida, que camiña entre a pintura e fotografía, pero tamén na música e en proxectos como as Meninas de Canido, cos que revitalizar o seu barrio. “ZigZag-Eirado” visitará o estudio dun artista que a partir do 10 de xullo colga os seus cadros no Centro Torrente Ballester de Ferrol.

No tempo dedicado á música, e xa que o programa se despide esta noite ata despois do verán, ofrecerase un avance dalgúns dos principais festivais musicais do verán, como o Festival do Norte, que terá lugar do 3 ao 5 de xullo en Vilagarcía; o Resurrection Fest de Viveiro, que vai celebrar o seu décimo aniversario do 16 ao 18 do mes que vén coa presenza de máis de 70 bandas de metal, hardcore, punk e rock; e o Tentacle Summer Fest, o festival de música electrónica de Foz, que se celebrará xa en agosto.

Ademais, o espazo presentado por Tino Santiago achegarase á proposta musical do cantante e compositor ferrolán Roger de Flor, considerado unha das voces máis refrescantes do panorama dos novos compositores galegos do século XXI. De Flor é autor de cancións vitalistas e alegres, temas moi variados e optimistas.

Finalmente, na sección cinematográfica, Moncho Lemos falará da que será sen dúbida unha das estreas cinematográficas do verán, “Rey Gitano”, a quinta longametraxe do realizador vasco Juanma Bajo Ulloa, con Karra Elejalde, Tony Lomba e o galego Manuel Manquiña como protagonistas; da chegada ás salas comerciais de “San Andrés”, e da película “Extinction”, un dos proxectos máis agardados polos afeccionados ao cine fantástico, producido pola galega Vaca Films.

Atopar capítulo por: