CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

“Follas Novas”, edición crítica de Xerais; estreas de cine, “Miss Ledya” e música con Narf

06/03/2016 00:45 h

A editorial Xerais acaba de publicar unha edición crítica dun clásico das letras galegas, “Follas Novas” (1880), de Rosalía de Castro. O programa “Zigzag-Eirado” entrevista este sábado a Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, profesor da Universidade de Vigo, experto no Rexurdimento e autor dos comentarios que acompañan a esta publicación. 
No apartado de novidades cinematográficas, que conduce Ángel Suanzes, o programa ocuparase de dúas estreas: “Cien años de perdón”, thriller dirixido por Daniel Calparsoro e que conta co actor galego Luís Tosar como protagonista, e “La habitación”, filme irlandés dirixido por Lenny Abrahamson. 
Ademais, o programa falará do centenario de “Miss Ledya”, primeiro filme de ficción en galego, dirixido por José Gil e reestreado esta semana no Teatro Principal de Pontevedra. Unha das curiosidades deste traballo, de vinte minutos de duración e no que participaron dezaseis actores, é a presenza do escritor galego Alfonso R. Castelao, que interpreta o papel dun pastor protestante. 
No capítulo musical, “Zigzag-Eirado” falará de Narf, nome artístico de Frank Pérez, que leva máis de 20 anos na escena musical. Tras ter formado parte de varias bandas de rock, creou este, co que xa leva tres discos publicados.
Outros tres grupos galegos estarán presentes no programa deste sábado: Familia Caamagno, que presenta novo disco; The Criers, que estrea vídeo musical, e Travesti Afgano, que saca tamén novo álbum. 

Atopar capítulo por: