Zigzag diario
Festival Novos Cinemas, Mauro Herce e Sergio Oksman
Pontevedra acolle o Festival Novos Cinemas, certame cinematográfico internacional, que conta cunha sección oficial para óperas primas. O 28 de xuño arranca a primeira edición do evento e Ángel Santos, o seu director, explicará hoxe no “ZigZag Diario” como se vai desenvolver esta cita de recente creación para os amantes do cinema.
Ademais, o programa cultural da Televisión de Galicia emitirá dúas reportaxes sobre os directores Mauro Herce e Sergio Oksman. O primeiro, reputado fotógrafo nado en Barcelona, debutou no mundo do cinema o pasado ano con “Dead Slow Ahead”, filme que xira en torno á vida nun cargueiro e que foi seleccionado na sección de Cineastas do Presente no Festival Film de Locarno, en Suíza.
Sergio Oksman, brasileiro de nacemento, pero residente en España desde hai anos, ten, pola súa parte, unha traxectoria cinematográfica vinculada ao xénero documental e moi reputada. O seu traballo máis recente é “O Futebol”, filme, tamén documental, que mestura ficción e realidade para narrar a relación entre un pai e o seu fillo co inesperado destino que os agarda, todo entrelazado co Mundial de Fútbol que se celebrou no Brasil en 2014.