Zigzag-Eirado
Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Novos Cinemas e Guezos
Xa comezou a conta atrás para a trixésimo terceira edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un dos eventos clásicos da temporada estival no país e unha cita ineludible para os amantes do folk, que terá lugar entre o 13 e o 16 de xullo. O programa “ZigZag-Eirado” falará hoxe co seu director, Alberto Balboa, que achegará detalles da programación deste ano, en que compartirán escenario músicos de primeiro nivel, como Usher´s Island, Harmonia Creams, Sckerryvore, A Roda e Treixadura, entre outros.
Por outro lado, o espazo da tvG2 repasará a programación do Festival Novos Cinemas, que se celebra a semana que vén en Pontevedra, coa proxección de 40 filmes. Tamén se falará das películas “Estiu 1993”, de Carla Simón, premio á mellor ópera prima da Berlinale, e “Maudie”, a historia dunha artista canadense que namora dun pescadeiro mentres traballa para el como asistenta.
O apartado musical comezará hoxe cos Guezos. A banda ourensá, que acaba de publicar novo vídeo, está de concertos esta fin de semana, con citas en Vigo e Xinzo. “ZigZag-Eirado” tamén se achegará á música do artista vasco, residente en Lugo, Gori Valarez, cuxo novo proxecto é “Loe Lof Lon”, e avanzará o que dará de si a nova edición do Atlantic Fest, que se celebrará a semana que ven na Illa Arousa.
O programa despedirase esta semana cos acordes do piano de Abe Rábade, un dos nomes incuestionables do jazz galego, que ten notoriedade internacional.