Vaia troula
Capítulo 84. Vaia Troula: Festas en Poio, A Estrada, Panxón, Ribadavia, Gondomar, Carballo e Vilalonga
Baixo os ecos dos que aseguran que o Almirante Cristovo Colón, descubridor das Américas, era pontevedrés, o programa “Vaia Troula” deste último domingo de xuño vai comezar desde a vila de Poio, coa súa presentadora, Nieves Rodríguez, a bordo dunha réplica da carabela colombina. Defendendo a teoría da orixe galega do coñecido conquistador do século XV, Poio engalánase para celebrar o Día de Colón, en que non faltan actividades lúdico-festivas como un mercado artesanal, exhibicións de esgrima e tiro con arco, actuacións musicais e unha feira medieval.
Despois do despregamento histórico-festivo de Poio, a reporteira Paula Señarís desprazarase ata Ponteareas para recoller todo o colorido da Batalla de Flores, que foi o colofón das festas do Corpus, evento moi celebrado tamén en Ourense, desde onde Bernardo Montaña transmitirá a animación e balbordo das rúas e prazas ourensás nestes días de troula.
As festas patronais en Galicia cóntanse a milleiros cando se achega o tempo de verán. Ata as vilas da Estrada, Panxón, Ribadavia e Gondomar achegaranse os equipos de “Vaia Troula” para seren notarios de tan concorridas e populares festas na honra do santiño ou santiña local, entre músicas tradicionais, espectáculos e fogos de artificio.
Na busca doutras actividades festeiras, pero á vez alternativas, o programa da TVG irá ata a capital de Bergantiños, Carballo, para gozar do moi famoso e divertido Descenso do Anllóns que este ano chega á súa décimo sexta edición. Embarcacións de todo tipo, con máis humor que ánimo competitivo, botaranse río abaixo ata a desembocadura en Ponteceso.
Por último, desde Vilalonga, no concello de Sanxenxo, “Vaia Troula” estará nas súas festas, que teñen como punto de atractivo singular a xuntanza de coches e motos antigos, que se fai cadrar coa ofrenda a San Cristovo, patrón dos automobilistas.