CRTVG

Buscar

Vaia troula

Capítulo 95. Vaia Troula: Festas da Guadalupe de Rianxo, Queima das Fachas de Castelo, San Roque en Fisterra...

14/09/2014 22:30 h

Case mediado o mes de setembro, a festa non lle dá tregua ao programa “Vaia Troula”, que esta noite emprenderá unha nova ruta polas celebracións máis destacadas do país durante estas datas. O punto de partida será nas Festas da Guadalupe de Rianxo, onde Nieves Rodríguez tenteará o ambiente dunha celebración que está entre as de maior afluencia da comarca da Barbanza.

Os espectadores tamén poderán vivir hoxe dúas festas que atopan a súa orixe séculos atrás, como son a Queima das Fachas de Castelo, en Taboada, que rememora os tempos en que o lume, no cumio dos castros, servía para comunicarse entre si na época castrexa; e a Romaría de Darbo, en Cangas, coa Danza e Contradanza, cuxa orixe se remonta ao século XVI e que hoxe está considerada como a máis antiga de todas as que se manteñen en Galicia.

Entre as celebracións de carácter relixioso, os reporteiros de “Vaia Troula” estarán nas festas patroais de Fisterra, na honra a San Roque, á Virxe do Carme e a Santa María das Areas, que ten como un dos actos máis destacados o desfile militar e o arriamento da bandeira; na Romaría da Nosa Señora dos Milagres da Laracha, cuxa Carreira de Carrilanchas, que este ano chega á súa terceira edición, é o acontecemento festivo máis divertido, no cal se dan cita embarcacións do máis asombroso; e na Festa de San Cibrao de Bibres, en Cambre.

O espazo da TVG tamén coñecerá este domingo a singularidade da Festa das Peras de Pontedeume, onde destaca a Cucaña que ten lugar na ría, en que os concursantes compiten, en diversas e simpáticas probas, por acadar grandes premios.

Tampouco faltará o acento gastronómico en “Vaia Troula”, que gozará da XLII Festa da Empanada e do Folclore Galego de Carral, e da Festa do Viño do Pelete, na Lama, unha das exaltacións vinícolas máis madrugadoras.

Entre festa e festa, a música chegará nesta ocasión da man das orquestras Los Trovadores, Cinema e Trébol.

Atopar capítulo por: