Sopa de festa
Festa do caldo galego de Mourente (Pontevedra)
Un xoves máis, o programa “Sopa de Festa” asoma ás pantallas da Televisión de Galicia para ofrecerlles aos espectadores un saboroso produto da nosa terra. Hoxe o protagonista será o caldo galego, que ademais conta cunha importante exaltación na localidade pontevedresa de Mourente.
24 anos son os que leva a asociación de veciños El Castro de Mourente exaltando este produto tan galego. Cada edición, son moitos os visitantes que se achegan a esta localidade para degustar unha cunca quentiña de bo caldo. Este ano, as cámaras de “Sopa de Festa” non quixeron perderse esta cita e comprobar de primeira man o bo facer dos membros da asociación.
Desde primeiras horas, o equipo do programa da TVG estivo en Mourente para amosar como estes veciños preparan o seu famoso caldo. “Sopa de Festa” tamén estivo coa presentadora Iolanda Vázquez, que exerceu este ano de madriña da festa, e a coa cantante María do Ceo, que interpretará en exclusiva a canción que lle dedica ao caldo de Mourente.
Por outro lado, o espazo da TVG quere proporlles aos espectadores galegos outro xeito de poder comer, a calquera hora, un bo caldo e ademais sen cociñar moito. Para esta proposta, a reporteira Inma Morandeira visitou as instalacións de Porto Muíños, unha empresa familiar que fai e envasa en lata un saboroso caldo galego que comercializa a empresa gourmet galega Petra Mora.
Para rematar a edición desta noite de “Sopa de Festa”, Churra visitará en Pontevedra o restaurante La Casa de las 5 Puertas, onde preparará con Bibiana un caldiño de verduras.