Sopa de festa
Festa da lamprea de Arbo
“Sopa de Festa”, a cita gastronómica que teñen semanalmente os espectadores da Televisión de Galicia estará hoxe na Festa da Lamprea de Arbo, unha das exaltacións con máis sona e tradición en Galicia, que leva 55 anos celebrándose nunha das localidades galegas con máis produción deste peixe.
Os historiadores aseguran que xa no tempo da Roma Imperial os césares querían que lles levaran lampreas vivas desde a zona alta de Arbo ata Italia. Unha das peculiaridades da lamprea é o xeito tan artesán en que se realiza a súa pesca para evitar que a lamprea perda sangue na súa captura e deste xeito non perda substancia.
Para coñecer un pouco máis deste peixe, da tradición desta celebración, de como se cociña e, sobre todo, de como se viven estes días de festa e degustación da lamprea, o equipo de “Sopa de Festa” achegarase ata Arbo para ofrecerlles aos espectadores todos estes aspectos.
Por outro lado, no tempo da cociña, o programa comprobará as diferentes propostas que nestes días de exaltación ofrece un establecemento hostaleiro da zona. Guisada, rechea ou en empanada foron algunhas das especialidades deste peixe que puideron degustar os veciños e visitantes que se achegaron ata Arbo.