Sopa de festa
Festa da Androlla de Viana do Bolo
“Sopa de Festa” continúa de Entroido. Esta noite os espectadores da Televisión de Galicia terán una nova cita coa festa e coa gastronomía 100% galega. Nesta ocasión, o programa levaraos ata a Festa da Androlla de Viana do Bolo, unha cita gastronómica moi vencellada ao Entroido da vila e á súa figura máis representativa, o boteiro.
Pero antes de probar a androlla, o equipo do programa amosará como se fai este embutido e que diferenza hai co “seu irmán maior”, o botelo. Para iso, a reporteira Inma Morandeira achegarase ata Riós para visitar a empresa Secreto Galaico, onde os seus responsables explicarán todas estas cuestións.
Unha vez que o equipo de “Sopa de Festa” teña claro que produto vai degustar, porá rumbo a Viana do Bolo. Cada ano, coincidindo co Entroido, a vila celebra unha multitudinaria cita gastronómica onde se exalta a androlla. Folións percorrendo as rúas de Viana, desfile de disfraces e os boteiros, ben presentes na festa, comezan unha xornada que ten o seu momento cumio á hora de xantar, onde se xuntaron máis de dous milleiros de persoas para celebrar esta gran cita gastronómica e, sobre todo, degustar a androlla.
Para rematar, a colaboradora Churra tampouco se resistirá a cociñar androlla. Na compaña de Carlos Parra, xefe de cociña do restaurante do Castelo de Maceda, preparará arroz con androlla, unha proposta diferente e ben saborosa.