CRTVG

Buscar

Ribeiras de salitre

Ferrol

26/02/2017 15:45 h

O porto de Ferrol é un enclave de contrastes, xa que ademais da actividade pesqueira, especialmente marisqueira, ten moita actividade comercial. “Ribeiras de salitre” visita este porto para coñecer o seu encanto e aos profesionais que nel traballan. 

O presentador H. Rivadulla fala con Isabel Maroño, unha mariscadora moi nova que leva dez anos no oficio. Decidiu presentarse a patroa maior para dar máis presencia ás mulleres na confraría e agora ostenta ese cargo.

Pilar González empezou co marisqueo traballando coa súa irmá, por circunstancias tivo que deixalo e ela continuou coa embarcación, traballando soa no mar da Ría de Ferrol. Un dos típicos lugares da cidade é o Mercado da Magdalena, un dos máis importantes de Galicia. Niki Lourido e Rocío Soto coñecéronse neste lugar cando ambos traballaban alí. Nesta entrega, é Rocío a encargada da sección gastronómica e cociñará unha hamburguesa de sargo.

En Ferrol a música póñena o recoñecido gaiteiro e construtor de gaitas Antón Varela, membro do grupo “Os cempés”, e que está acompañado dunha das súas alumnas de gaita, a xaponesa Mikiko Watanabe. O programa está presente na saída do porto dun barco de grandes dimensións e coñecerá o traballo dos profesionais do amarre de barcos con Jesús Pintos, e o que fan os prácticos do porto con José Manuel Paz. As dúas funcións son pouco coñecidas, pero fundamentais no tráfico portuario. Jesús dirixe toda a operación para desamarrar o buque e José ten que subir ao barco que parte do porto para dirixir dende a ponte deste barco todos os movementos para que poida saír sen problemas.

Atopar capítulo por: