Zigzag diario
Fely Manzano / “Trilogía del viaje” do Teatro Ensalle / “Heian” de Zen del Sur / Avance de "Pangeia"
“ZigZag Diario” recibe a Fely Manzano, Premio Mestre Mateo de Honra. Actriz de teatro, de cine e de televisión, o seu rostro comezou a ser familiar para a audiencia galega tras a súa aparición nas primeiras series emitidas pola TVG. A Academia Galega do Audiovisual concedeulle o premio polo seu amplo labor no mundo escénico e polo traballo realizado no audiovisual galego desde o seu inicio.
Coa “Trilogía del viaje” arranca a undécima edición do Festival Isto Ferve, organizado pola sala alternativa Teatro Ensalle de Vigo. “Miniaturas”, “Imprudentemente desée” e “No deberíamos salir nunca de aquí” son as tres pezas desta triloxía, fortemente influenciadas polas múltiples realidades que a compañía viviu en Sudamérica.
Dentro do ciclo “Ilusiooóh!n” do Centro Ágora da Coruña, pódese ver o espectáculo multidisciplinar “Heian”, de Zen del Sur, onde música en vivo, danza acrobática e circo se fusionan para ofrecerlle ao espectador unha proposta cargada de forza e sensibilidade.
Zigzag avanza a estrea, o vindeiro 15 de abril en Santiago, da montaxe “Pangeia”, unha coprodución entre a compañía viguesa Limiar Teatro e a brasileira Acaso Danza, que presenta sete artistas en escena fusionando teatro, danza e música. Tras o seu exitoso paso polo Brasil e Portugal, inician agora en Galicia unha ambiciosa xira.