CRTVG

Buscar

Sopa de festa

Feira do cocido de Lalín

12/02/2015 22:30 h

O programa “Sopa de Festa” ofrecerá esta noite todo o que aconteceu na Feira do Cocido de Lalín, unha das festas do interior de Galicia con máis sona nestas datas e que cada ano consegue reunir arredor dun bo prato de cocido os lalinenses e moreas de visitantes. 

Así pois, as cámaras do programa achegáronse ata Lalín a primeiras horas da mañá para compartir con todos os veciños os actos programados dunha xornada que comezou co nomeamento dos “encomendadores do cocido”. A actriz Cristina Castaño, a gaiteira Susana Seivane e a presentadora Iolanda Vázquez achegáronse ata os micrófonos de “Sopa de Festa” para compartir cos espectadores galegos as súas preferencias culinarias.

Deseguido, a reporteira Inma Morandeira visitou a feira de produtos para saber que ingredientes son indispensables para facer un bo cocido e, sobre todo, coñecer os segredos de vendedores e compradores á hora de preparalo.

A xornada de festa completarase co desfile de comparsas que percorreu a vila antes do xantar, en que milleiros de comensais se deron cita para compartir un bo prato de cocido nos variados establecementos da vila, como o restaurante Cabanas, que visitou o programa da TVG. 

Para rematar a edición de hoxe, “Sopa de Festa” non deixará de lado a receita do cocido. Para iso, Churra preparará o prato máis famoso de Lalín xunto a Alejandro Iglesias, do restaurante Cabanas, e a reporteira Inma Morandeira estará no restaurante Agarimo coa cociñeira Conchi Peiteado para preparar unha proposta de “petisco de cocido”.

Atopar capítulo por: