Álbum de viaxe
Familia Iglesias Núñez
A familia Iglesias Núñez está composta por seis membros, que viaxarán desde Santiago de Compostela ata a Ribeira Sacra nun divertido e fascinante itinerario cheo de encontros e actividades sorprendentes.
Susana e Manolo (os pais), Sandra (a filla) e o seu mozo Anxo xuntaranse coa tía Rosa e o seu fillo Antonio para comezar a súa aventura no Parador de Monforte de Lemos. A continuación, a familia gozará dun percorrido guiado para coñecer o máis destacado da vila monfortina, como o barrio xudeu ou a praza dos Escolapios, da man de José Ramón Mareque, técnico de turismo. No seu paseo atoparanse co Mago Rafa, obterán varias das fotografías do seu “Álbum de Viaxe” e gozarán dun fantástico xantar no Restaurante O Grelo. Pola tarde, visitarán o Museo do Ferrocarril de Galicia e coñecerán a olería tradicional de Gundivós na compaña de Elías. Cearán e durmirán nun luxoso e moderno hotel situado en Monforte.
O domingo pola mañá, despois dun bo almorzo, a familia desprazarase ata o embarcadoiro de Doade, onde subirán a un catamarán que os levará a descubrir os impresionantes Canóns do Sil da man da Adega Algueira. Xantarán na zona e un simpático tren turístico levaraos ata as instalacións da Adega Regina Viarum, onde visitarán os viñedos e a adega e participarán nunha cata de viños.
O concurso final será nas instalacións da propia adega, onde esta familia santiaguesa terá que enfrontarse ás preguntas de Melania Cruz sobre a súa viaxe para obter o premio do programa.