CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Faladoiro literario, “Tribunal”, “Mustang”, “Sicixia” e Snatch

20/03/2016 00:45 h

“ZigZag-Eirado” comezará este sábado cun faladoiro literario. Os críticos Armando Requeixo e Chus Nogueira comentarán catro libros: “Liquidación de Existencias”, unha amalgama de historias que trasladan o mundo coma se fose un inmenso polígono outlet e que asina Ramón Caride; os poemarios de Ramón Neto e María do Cebreiro “Zonas de tránsito” e “O Deserto”, e “Cara ao leste”, de Antía Nara, que narra o reencontro de catro mulleres con motivo dun velorio, en que acompañan durante a súa última noite a Isolina, a finada. 
No apartado de cine, o programa da tvG2 falará dos filmes “Tribunal”, película galardoada no Festival de Venecia, no Basic, e rodada na India, en que un popular cantautor é sometido a unha pantomima de xuízo acusado de que a letra dunha das súas cantigas incitou ao suicidio a un traballador de augas residuais; “Mustang”, filme francés que reflexiona sobre a condición da muller en Turquía, e “Sicixia”, de Ignacio Vilar, unha historia de amor e desamor ambientada na Costa da Morte. 
Pola súa parte, Moncho Lemos falará no seu apartado musical do dúo santiagués Snatch, que ten como voz a Paola Piñeiro e na guitarra a Germán Prieto. Saltaron á fama en 2007 cando quedaron finalistas do concurso musical da Radio Galega “A polo ghit”, en que se escollía a canción do verán. 

Atopar capítulo por: