Galicia de 20 a 20
Etapa 7: A Fonsagrada - A Teixeira
Continuamos na provincia de Lugo para adentrarnos na súa montaña. Comezaremos pola Fonsagrada, onde Ruth fixo moitas fotos no día da feira. Visitaremos o Museo da Fonsagrada para falar con Nenoso Ortiz e localizar os lugares destas imaxes.
Despois coñeceremos a Lucía Arias, a tataraneta da panadeira Ramona, retratada hai cen anos vendendo o seu pan ao pé da igrexa. Antes de deixar A Fonsagrada, desviarémonos un chisco do itinerario para coñecer a Antonio Fernández ‘Paradiñas’, veciño da Pobra de Burón. Este home ten unha memoria máis grande que a montaña que habita e seguro que ten moito que contarnos.
A seguinte parada será Becerreá, onde Ruth fixo unha foto da procesión do Corpus Christi. Visitaremos a vila para aclarar o misterio desta foto, xa que parece ser que a igrexa provisional que sae nela é hoxe en día o Bar Correos. Nesa mesma rúa viviu Maruja Roca, unha fotógrafa que deixou unhas imaxes máxicas do Becerreá dos anos 40. Falaremos con Nieves Neira, sobriña da fotógrafa e coautora do libro 'O feitizo de Maruja Roca'.
Remataremos a nosa estapa xa na provincia de Ourense, no concello da Teixeira, para falar con Fernando González, propietario das adegas Algueira, porque resulta que Ruth retratou unha das súas terras hai cen anos.