Estache bo!
Solla braseada con feixóns verdes
Hoxe Rafa Durán visitará a Manuel Domínguez en Cambados para recoller o produto estrela da receita: a solla.
Ingredientes:
Para a solla: · 3 sollas Aceite de oliva · Sal e pementa
Para a gornición: · 250 g de feixóns verdes · 7 patacas medianas · 1 cullerada de manteiga · 2 follas de loureiro · Aceite de oliva · Sal e pementa
Para a salsa: · As espiñas das sollas · 3 dentes de allo · 1 cebola pequena · 50 g de manteiga · Aceite de oliva
Elaboración:
En primeiro lugar quitámoslle os lombos ás sollas. Para a salsa, rustrimos as espiñas cun pouco de aceite de oliva, allos e cebola. Cubrimos o rustrido con auga e deixámolo reducir. Coamos a salsa, engadimos a manteiga e reservamos a salsa quente.
Por outra banda, cocemos os cachelos co loureiro. Cando estean case cocidos, retirámolos da auga, cortámolos e enfornámolos cos lombos da solla durante 10 minutos a 180 graos. Cortamos os feixóns en xuliana e escaldámolos na auga das patacas un par de minutos. Escorrémolos e salteámolos nunha tixola con manteiga.
Servimos as sollas cos feixóns, as patacas e a salsa. Ademais, Isabel Villanueva visitará o plató para axudarlle a Miguel coa receita.