Estache bo!
Pencas de acelgas recheas de roxóns e queixo
Hoxe Rafa Durán visitará a Loli Rodríguez do Colectivo Xebre en Valenza - Coristanco para recoller o produto estrela da receita: as acelgas.
Ingredientes:
Para as pencas recheas: • 1 presa de acelgas • 250 g de roxóns prensados • 1/4 queixo San Simón da Costa • 2 ovos Fariña • Aceite de oliva
Para a salsa: • 6 follas de acelgas • 1 cebola • 2 dentes de allo • 3 tomates maduros • 1 cullerada de azucre moreno • Aceite de oliva • Sal e pementa
Elaboración:
Limpamos as acelgas separando as pencas das follas. Retirámoslle os fíos das pencas e cocémolas 3 minutos. Por outra banda, rustrimos o allo e a cebola cun chisco de sal.
Cortamos os tomates e as follas das acelgas, incorporámolos ao rustrido e refogámolo todo 10 minutos cun chisco de azucre moreno. Reenchémolas pencas cos roxóns e o queixo. Pechámolas con escarvadentes, pasámolas por fariña e ovo batido e fritímolas.
Para rematar, colocámolas nunha fonte coa salsa triturada e enfornámolas a 180 graos durante 10 minutos.
Ademais, Isabel Villanueva visitará o plató para axudarlle a Miguel coa receita.