Estache bo!
Patacas á rioxana con chourizo ceboleiro
Rafa Duran visitará a Anxo López en Maceda para recoller o produto estrela da receita: chourizo ceboleiro.
Ingredientes:
• 500 g de chourizo ceboleiro
• 2 kg de patacas
• 2 cebolas grandes
• 3 follas de loureiro
• 50 ml de aceite de oliva virxe extra
• Caiena
• 2 culleradas da polpa dun pemento chouriceiro
• 6 dentes de allo
• 2 litros de caldo de carne
• 1 cullerada de pemento doce
• Sal • Perexil
Elaboración:
Nunha tarteira grande engadimos un chorro de aceite de oliva virxe extra. Picamos as cebolas moi finas e engadímolas á tarteira. Refogamos a lume suave durante uns 10 minutos. Cortamos o chourizo en anacos, botámolos no rustrido da cebola xunto cos dentes de allo e refogamos un par de minutos.
Estonamos as patacas e escachámolas en anacos. Engadimos unha cullerada de pemento doce e caiena. Remexemos durante un minuto para non queimar o pemento, engadimos o pemento chouriceiro e volvemos a mesturalo todo.
Engadimos as patacas, remexemos ben co resto dos ingredientes e botamos o caldo ata cubrir as patacas. Fervemos todo durante 20 minutos ata que as patacas estean feitas, movendo a tarteira de vez en cando para que o caldo espese.
Servimos e decoramos con pirixel picado para rematar a receita.
Ademais, Isabel Villanueva visitará o plató para devolverlle a Miguel os “tuppers” que aínda tiña pola súa casa.