CRTVG

Buscar

Pazo de Familia

Especial 'Ti decides o final'

26/03/2018 22:00 h

“Pazo de Familia” chega á súa recta final. Quedan poucos capítulos para que a serie remate definitivamente e, por primeira vez, os espectadores da TVG van poder escoller o final que queren para a súa serie. O equipo da ficción gravou dous finais distintos e van ser os seguidores de “Pazo de Familia” os que decidan o seu desenlace preferido.

Para quentar motores nesta recta final, a Televisión de Galicia ofrece un especial baixo o título “Pazo de Familia: Ti decides o final”. Coa participación de Luís Iglesia e Mayka Braña, Emilio e Sara na ficción, analízanse as claves do que está por vir na serie. En declaracións exclusivas, revelan importantes novidades do que vai pasar de aquí ao final, xa que aínda quedan moitas frontes abertas: como vai rematar o triángulo Sara-Emilio-Eva? Que vai pasar cos negocios sucios de Carlos e dona Leonor? Sairá Nino do cárcere? Quen sairá vencedor da guerra aberta entre os Pardo-Veiga e os Moure?

O final de “Pazo de Familia” traerá importantes novidades. Os seguidores da serie terán que lamentar a perda dunha das personaxes máis queridas. Tamén antes do final se producirá un terrible asasinato. Os espectadores reencontraranse con vellos coñecidos, xa que volverán ver as personaxes de Lolo e María, os fillos de Sara, e tamén vivirán unha voda por todo o alto. Quen casa con quen? Celebrarase o enlace sen incidentes? 

Despois deste especial, a TVG ofrecerá a semana que vén o último episodio da temporada e, á volta do verán, chegarán as derradeiras entregas desta exitosa ficción da canle autonómica.

 

Atopar capítulo por: