Especial
Especial Noite de San Xoán 2018
Na véspera do día de San Xoán, Galicia enteira é unha festa. Desde A Coruña, cidade cuxo festexo está declarado de Interese Turístico Internacional, o programa segue en directo os preparativos, o ambiente e as tradicións dos moitos lugares onde a noite de San Xoán se desenvolve con máis entusiasmo.
O “Especial San Xoán", presentado por Lucía Rodríguez, trasládase ata localidades como Lugo, Compostela, Nigrán, Arzúa, Berres (A Estrada), Poio, Vigo, Viveiro, Salvaterra de Miño ou mesmo a cidade portuguesa do Porto. Coa colaboración de catro reporteiras: Fátima Rodríguez, Natalia Penas, Alicia Conchas e Alba Prol, percorre algunhas das cacharelas de máis sona.
Desde o peirao da Coruña coñecemos como están as capturas de sarediña e asistimos a unha poxa na lonxa. Tamén visitamos un mercado de abastos para falar coas vendedoras de peixe e cos compradores, e se dan consellos para preparar mellor a sardiña. Neste especial non se esquecen tampouco do pan, un elemento indispensable para degustar unha boa peza e facer realidade o dito de que “polo San Xoán, a sardiña molla o pan”.
Para completar a noite, bótase unha ollada ás variadas tradicións que conserva o imaxinario popular, como a recollida de herbas para namorar ou cobrar máis fermosura; tomar as sete ou nove ondas, co fin de quedar encinta; saltar as fogueiras para ter boa sorte ou queimar roupa vella co obxectivo de espantar os meigallos. Son infinidade as supersticións, tradicións e lendas que acompañan esta festividade.