Especial
Especial Nadal Mucha e Nucha
O humor será protagonista na Televisión de Galicia o día de Nadal e veu da man de dous dos maiores expoñentes cómicos da canle autonómica durante os últimos anos: Mucha e Nucha, as dúas irmás da imaxinaria aldea de Ardebullo que tan bos momentos lles fixeron pasar aos espectadores no espazo “Luar” e noutros programas especiais.
Os actores cómicos Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro volven meterse na pel dos personaxes que os lanzaron á fama con “A Casa da Conexa. Mucha e Nucha: a Película”, unha comedia de situación. Nela, as dúas irmás volven ás súas orixes, á famosa Casa da Conexa, un lugar que forma xa parte do imaxinario colectivo dos espectadores galegos.
No especial de humor, un director de cine pretende gravar a película onde se narra a vida de Mucha e Nucha desde o seu nacemento. Deste xeito, os dous personaxes abordarán o proxecto da súa vida, un filme, con todos os atrancos e desavinzas que isto poida xerar.
Pereiro e Touriñán non estarán sós nesta nova aventura, senón que contarán coa colaboración doutros actores galegos ben coñecidos para a audiencia, como María Mera, Víctor Fábregas, David Amor, Xulio Abonjo e Pepo Suevos, que propiciarán unha morea de situacións cómicas.