Zigzag diario
Especial Día das Letras Galegas
Este especial, presentado por Pilar G. Rego, fai un percorrido pola vida e obra do escritor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas, coincidindo co centenario do seu nacemento. Poeta e tradutor, natural de Guitiriz, membro da chamada “escola mindoniense”, Díaz Castro, autor de “Nimbos”, un dos cumios da poesía galega moderna, mantivo ao longo de toda a súa vida un fondo compromiso coa cultura galega do seu tempo.
Para afondar na súa figura, o programa conta coa axuda do mestre e dinamizador cultural Alfonso Blanco Torrado, amigo de Díaz Castro e fundador da Asociación Cultural Xermolos, unha das impulsoras da súa candidatura ás Letras Galegas deste ano.
Tamén falan sobre a importancia da obra do poeta de Guitiriz , outros escritores e literatos, como, Claudio Rodríguez Fer, Luís G. Tosar, Alba Díaz, Darío Xohán Cabana e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.
Ademais de ofrecer documentos audiovisuais en que é protagonista o propio Díaz Castro, “ZigZag” visita o instituto de Guitiriz para ver como os seus paisanos lle prepararon unha homenaxe, que inclúe o recitado dos seus versos por parte dos alumnos.