Zigzag diario
“Escenas do Cambio”, Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo
O “ZigZag Diario” ocúpase hoxe do festival de teatro, danza e artes escénica “Escenas do Cambio”, que na súa terceira edición volverá a Cidade da Cultura e no que se presentarán un total de 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes. O programa entrevistará a dúas artistas presentes no festival: Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo. Alejandra Pombo visitará o programa para presentar o seu último traballo “Adelante la selva”, que ela mesma define como unha experiencia cinemática. A compostelá móvese entre a performance, a poesía e a experimentación coa imaxe. Pola súa banda, a viguesa Loreto Martínez Troncoso estrea o próximo domingo a súa peza “Entre [hu]ecos” da que falará para o espazo cultural da tvG2. Esta artista utiliza esencialmente a escritura e a palabra nos seus traballos, realizando performances, pezas sonoras, vídeos ou textos en formatos variados de presentación e comunicación.