CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Entrevista ao presidente de Culturgal / No obradoiro de Jano Muñoz / "A viaxe de Leslie" / "Espellos"

15/06/2014 00:15 h

Entre as propostas do espazo “ZigZag-Eirado” para este sábado á noite está unha conversa de Tino Santiago co novo presidente de Culturgal, o editor Manuel Bragado, que falará das novidades que presentará a Feira de Industrias Culturais na edición deste ano, a sétima, que se celebrará do 5 ao 7 de decembro en Pontevedra. A feira, que convocou o ano pasado máis de 14.000 persoas, ofrecerá novos espazos temáticos e contará con máis actividades para profesionais.

Por outro lado, o programa cultural semanal da tvG2 entrará no obradoiro do pintor coruñés Jano Muñoz, que domina e traspasa as fronteiras do hiperrealismo cos seus pinceis e que se interna na alma dos personaxes que enchen os seus lenzos; e na biblioteca do notario vigués Antonio Salgueiro.

“ZigZag-Eirado” ofrecerá hoxe tamén co habitual repaso á actualidade musical e cinematográfica galega, cunha parada, en canto a este eido, no documental “A viaxe de Leslie”, de Marcos Nine, que formula as incógnitas que rodean o suceso acontecido o 1 de xuño de 1943 fronte ás costas de Cedeira, onde cazas alemáns abateron o avión que realizaba a ruta Lisboa-Bristol, onde viaxaba o actor Leslie Howard, lembrado especialmente pola súa participación en “Foise co vento”.

O programa despedirase cunha nova proxección dunha curtametraxe galega, neste caso “Espellos”, dirixida por Luís Noriega e con Arturo Santos como protagonista. Coa idea de fondo de como se pode chegar a perdelo todo, o filme aborda unha tráxica historia de actualidade como é o tema dos desafiuzamentos.

Atopar capítulo por: