Zigzag-Eirado
Entrevista a Xosé Antonio Perozo
“ZigZag Eirado” convida ao estudio ao escritor e editor Xosé Antonio Perozo que acaba de asumir a presidencia da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, a entidade que aglutina a todos os actores do mundo da literatura infantil en España, con seccións específicas para cada unha das catro linguas oficiais no estado.
Ademais, o pintor e escultor Diego de Giráldez, un dos artistas máis influentes das artes plásticas galegas contemporáneas, abre as portas do seu estudio e casa museo en que expón moitas das obras realizadas durante catro décadas dedicadas á creación artística.
Na sección de cine, Moncho Lemos e Ángel Suanzes comentan a estrea da película “Una vez fuimos salvajes” da cineasta Carmen Bellas no Festival Internacional Play Doc de Tui. Tamén analizan outras dúas películas en carteleira, “Locas de alegría” e “El fundador”.
Marta Gómez trae ao programa a música do ourensán Emilio José, que ofrece os temas do seu último disco “Nativos Dixitais” de balde en Internet; a da banda coruñesa Elvis Negro, e a do grupo folk Samarúas.