Zigzag-Eirado
Entrevista a Joam Trillo
A editorial Dos Acordes acaba de lanzar o primeiro volume recompilatorio das obras para piano do compositor lucense Juan Montes Capón, un autor relativamente descoñecido para o gran público, pero que é un dos meirandes expoñentes do Rexurdimento da música galega no século XIX. Joam Trillo senta no estudio de “ZigZag Eirado” para conversar co presentador Tino Santiago sobre esta edición crítica da que se encargou.
Ademais, o programa ocúpase das últimas novidades cinematográficas e musicais. Fala dos filmes de carteleira “La ciudad de las estrellas (La La Land)” e Toni Erdmann. A primeira, gran triunfadora dos recentemente celebrados Globos de Ouro, é un musical que narra a historia de amor entre Mia e Sebastián, unha aspirante a actriz e un pianista de jazz que se gañan a vida tocando en tugurios e que aspiran a acadar gran éxito no mundo da música. A segunda, é un filme alemán en que Inés trata de dar un novo sentido á súa vida logo dunha visita inesperada do seu pai, que lle pregunta unha cuestión ben simple: es feliz? O cultural tamén comenta o documental “Pessoa / Lisboa”, incluído na mostra do mesmo nome dedicada polo círculo de Belas Artes de Madrid ao poeta portugués. Explora a relación do escritor e da súa obra coa capital portuguesa. Dous galegos, Alberto Ruiz de Samaniego e José Manuel Mouriño, comisarios da exposición asinan este traballo. No apartado musical, o “ZigZag Eirado” fala do novo disco de Brigada & Díaz, que recupera temas da Primeira Guerra Mundial e do novo videoclip de “Green Day”, que asina un galego, Manuel Viqueira. Tamén hai oco para a musica tradicional con Davide Salvado, mentres que Moncho Lemos dedica o seu espazo do programa a unha lucense que triunfa en toda España, Noemy Manzoy, unha versátil actriz e soprano cun gran recorrido como voz de zarzuelas.