O país máis grande do mundo
En Andorra, nos Estados Unidos e Malta
Hoxe comerán cocido con máis de trescentos galegos en Andorra. Unha papatoria impresionante realizada só con productos que viaxan dende Galicia.
Na capital dos Estados Unidos, Washington, o equipo do programa vai ser recibido polo xornalista Alberto Avendaño, un galego que está nos centros do poder do país americano.
A illa mediterránea de Malta será outro dos destinos do programa de hoxe. Alí falarán con Alba Barros, unha rapaza da Guarda especializada en hipoterapia, unha disciplina que emprega cabalos para tratar nenos con discapacidade.
Na sección “A Carta” de hoxe falarán cunha familia de Tamaguelos, en Verín. Esta historia estará contada a través das postais que recibe Carmiña, unha nai retornada a Galicia, e que lle envía ao seu fillo Rafael, emigrado en Tailandia. E en “Os Sucesores” seguirán descubrindo Galicia con Marcos Godino, o rapaz arxentino descendente de galegos. Para esta ocasión preparáronlle unha sorpresa moi especial co seu equipo de fútbol.
Pola súa banda, Rodrigo Vázquez irá ata Madrid para coñecer a vida de Christian Escudero, un mozo do Barco de Baldeorras que é o protagonista do musical “Priscilla” e que foi elixido como mellor actor do ano neste xénero.