Zigzag-Eirado
Emma Lustres (Vaca Films) / Cachaldora / Cine e música
O espazo “ZigZag-Eirado” contará hoxe coa presenza da directora de Vaca Films, Emma Lustres, unha produtora que acaba de ser recoñecida coa Medalla Castelao pola súa aposta pola produción de longametraxes que fan compatible a calidade e o éxito comercial. Lustres falará do traballo de Vaca Films, artífice de éxitos cinematográficos como “Celda 211” e “El Niño”, e da situación actual do audiovisual galego.
Non será o único tempo para o cine no programa deste sábado, que falará da estrea da película “Requisitos para ser unha persona normal”, o debut na dirección da actriz Leticia Dolera; e da curtametraxe “El juicio adelantado”, un vídeo poético de Víctor Mozo que se puido ver na Mostra de Cinema Periférico (S8) da Coruña.
Na sección dedicada á música, a revista cultural semanal da tvG2 achegarase á proposta musical de Fiandola, grupo galego de música con raíz tradicional; de Tu Mujer nos Engaña, que acaban de recibir o premio do xurado no concurso da Radio Galega “Novo Son” e que están a presentar o seu segundo traballo de estudio, “Malas linguas”, un CD cuádruplo inédito con 40 temas en galego castelán e inglés; e de Iria Peña, unha galega de pura cepa que canta flamenco, cunha aproximación ao xénero bastante ecléctica.
Unha semana máis, as artes plásticas tamén serán protagonistas en “ZigZag-Eirado”, hoxe cunha visita ao estudio do artista ourensán Rafael Morales, que adoptou o alcume familiar de Cachaldora. Atrapado polas liñas e as cores na súa mocidade, abandonou o debuxo en tinta para acadar outras sensacións pictóricas con spray, que lle proporcionan efectos diferentes.