Zigzag diario
Eli Ríos e Miguel Anxo Fernández
“Marta e a píntega” é un libro dirixido a nenos a partir de dez anos, que relata a historia dunha nena, Marta, cun anfibio de nome Oli. Eli Ríos, autora deste relato, falará connosco sobre el. O conto, ilustrado por Patricia Román e editado na colección Árbore de Galaxia, destaca pola perspectiva de xénero que inclúe para falar das aventuras que vive a cativa, á que lle pasan cousas insospeitadas, coma saltar ao mundo dos contos e coincidir nel con personaxes habituais deste tipo de narracións.
Dentro das novidades literarias, falaremos da última obra de Miguel Anxo Fernández, “Un dente sen cadáver”. Na súa sexta novela, o historiador e crítico literario retoma a historia de Frank Soutelo, investigador norteamericano con raíces galegas e personaxe creado por el mesmo. Nesta entrega, Frank Soutelo enfróntase, durante unha viaxe a Galicia para recoller unha herdanza, á aparición dun dente humano sen dono, o que fará que os asuntos familiares que o traen ao país e a cuestión forense conflúan.