Eirado
Darío Villanueva, académico e secretario da RAE
O académico e secretario da RAE, Darío Villanueva, será esta noite un dos convidados do programa “Eirado”, que falará co catedrático da USC sobre a literatura de Valle-Inclán e sobre a tradución ao galego de Marshall McLuhan. Villanueva é un especialista na obra deste profesor, filósofo e estudoso canadense, recoñecido como un dos fundadores dos estudos sobre os medios, que pasou á posteridade como un dos grandes visionarios da sociedade da información.
O espazo cultural da segunda canle da Galega tamén recibirá hoxe a visita da directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, quen debullará a programación escénica da institución para os vindeiros meses.
Por outro lado, na sección bibliográfica, o presentador de “Eirado”, Pemón Bouzas, conversará coa escritora ceense María Canosa, quen falará da súa obra “Ronca o Mar”, poemario galardoado co premio Avelina Valladares, onde a autora evoca as paisaxes marítimas da Costa da Morte.
Ademais, o programa visitará en Monforte de Lemos o Museo do Ferrocarril, onde se pode facer un percorrido pola historia en Galicia deste medio de transporte, a través dos diferentes tipos de traccións, coches e vagóns que circularon polas vías da comunidade.
Unha achega á longametraxe de animación “Engurras”, candidata aos Premios Goya, que onte se estreou nos cines; a terceira e última entrega da serie de reportaxes sobre Celso Emilio Ferreiro, dedicada hoxe aos aspectos sociais e políticos da súa biografía; e a música de Hermanos Galíndez completan os contidos do “Eirado” deste sábado.