CRTVG

Buscar

Eirado

Diego Sarmiento de Acuña, o primeiro Conde de Gondomar

03/12/2011 23:45 h

“Eirado” centrará hoxe parte do seu tempo na figura de Diego Sarmiento de Acuña, o primeiro Conde de Gondomar, unha das figuras máis senlleiras da historia galega. O programa da tvG2 contará coa presenza do historiador Francisco Maseda, que acaba de publicar en Biblos a primeira biografía en galego dun personaxe que defendeu as nosas costas fronte aos ataques de Francis Drake e que participou na recuperación do voto nas Cortes para a nosa terra.

 O espazo cultural ofrecerá tamén unha reportaxe sobre o nobre que ostenta actualmente o título, Gonzalo Fernández de Córdoba y Calleja, décimo terceiro Conde de Gondomar.

 Na sección de libros, o presentador do programa, Pemón Bouzas, conversará co profesor e poeta Miro Villar, responsable do estudo introdutorio e do coidado da edición de “Bretemada”, poemario inédito do escritor e activista cultural Gonzalo López Abente, un volume de 100 poemas escritos entre 1917 e 1922.

 A situación da tradución e interpretación en Galicia é outro dos asuntos que esta noite abordará “Eirado”, para o que contará coa colaboración do presidente da Asociación de Tradutores de Galicia, Xosé María Gómez Clemente.

 A sección cinematográfica, a cargo de Moncho Lemos e Ángel Suanzes, estará centrada esta semana na estrea da nova película de Robert Redford, “A Conspiración”,  que recupera un dos episodios máis escuros da historia dos Estados Unidos: a execución dunha muller acusada inxustamente de participar no asasinato do presidente Lincoln.

 Un percorrido polo Mosteiro de San Pedro de Tenorio, na localidade pontevedresa de Cotobade, que conta cunha igrexa barroca do século XVIII, construída sobre outra anterior probablemente románica; e a música de Vai completan as propostas de “Eirado” para este sábado á noite.

Atopar capítulo por: