Sopa de festa
Doces de Pascua
Para comezar, “Sopa de Festa” ofrecerá unha das propostas tradicionais, as chulas. Recheas de crea, de nata ou chocolate serán as que lles preparará Sonia Costas no seu obradoiro da pastelería viguesa Lila Mandarina.
Continuando na cidade olívica, as cámaras de “Sopa de Festa” tamén visitaron a confeitería El Molino, todos uns expertos en chocolate. Da man do seu mestre pasteleiro, Fabrice Courcier verán como hai que traballar o chocolate antes de facer os ovos e as monas de pascua. Tamén a súa propietaria, Dolores Fernández explicará a tradición que hai na cidade de Vigo á hora de regalar aos afillados estes doces tan tradicionais.
A proposta máis nova da clásica torrada virá da man de Inés Abril, cociñeira do restaurante Maruja Limón. A nosa colaboradora Churra visitouna para elaborar con ela unha torrada caramelizada con pan de brioche e acompañada dunha galleta de chocolate.
Para rematar, Álvaro Álvarez da confeitería A Maquía de Oleiros abriu o seu obradoiro para os máis pequenos. Un grupo de nenos, seguindo as indicacións deste reposteiro, pasaron a tarde elaborando a súa propia mona.