Zigzag-Eirado
Digalego, a OSG, Maryland e “Espantallo amigo”
Digalego, o novo diccionario dixital, con máis de 65.000 entradas en galego, será o tema máis destacado do programa “ZigZag-Eirado” deste sábado. Para iso, Tino Santiago entrevistará a Bieito Ledo, director da editorial Ir Indo, empresa encargada de poñer no espazo dixital este traballo de investigación que levou 20 anos, e que, grazas ao acordo entre a Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é hoxe unha realidade para a cidadanía. Trátase dunha das obras máis completas actualizadas do mercado lexicográfico galego.
Doutra banda, o espazo da tvG2 achegará unha interesante e ampla reportaxe sobre as actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia nos Emiratos Árabes Unidos, ata onde viaxou un equipo de “ZigZag-Eirado”.
No apartado musical, o programa salientará tamén a proposta do grupo Maryland, vigueses que, desde o 2009, son representantes fundamentais para entender o fenómeno indie galego dos últimos anos. A banda achega melodías penetrantes, voces extenuantes e unha liña musical marcada polo son guitarreiro.
Por último “ZigZag-Eirado” ofrecerá unha escenografía da obra “Espantallo amigo”, de Neira Vilas, e a análise das películas “Mia madre” e “Los odiosos ocho”.