Vaia troula
Desde as Festas do Verán de Boiro
A presentadora Nieves Rodríguez está en Boiro, onde celebran as súas tradicionais Festas do Verán con música de grupos folclóricos, boa comida e unha morea de actividades para toda a familia.
O programa tamén fai un percorrido polas mellores celebracións da fin de semana, con especial atención a algunhas das moitas festas de San Pedro que enchen Galicia de alegría e diversión. Así, a reporteira Ariadna Leis vai ata o concello de Corcubión para gozar do San Pedro da Redonda, unha das romarías máis concorridas de toda a contorna. Belén Vara desprázase a Santa Comba, onde teñen unha festa de San Pedro á que acoden centos de persoas. Neste lugar a música e a procesión son as grandes protagonistas. E Belén Rivero viaxa a Vilanova de Arousa. Na parroquia de Tremoedo o San Pedro é a celebración máis importante do ano, e todos os veciños saen á rúa para pasar unha noite cargada de xolda.
As cámaras de “Vaia Troula” asisten ao San Pedro de Cesantes, en Redondela; á gran sardiñada de Ponte do Porto, en Camariñas; á romaría da Pena da Sela, no concello do Irixo; e ao divertido descenso do río Anllóns, en Carballo. As Festas de San Paio da Estrada e a celebración do barrio de San Pedro en Santiago de Compostela completan o menú trouleiro.