CRTVG

Buscar

Vaia troula

Capítulo 89. Vaia Troula: Desde a Romaría viquinga de Catoira

03/08/2014 22:30 h

Nieves Rodríguez viaxa a Catoira para mergullarse na Romaría viquinga, que, cada primeira fin de semana de agosto, recorda o desembarco viquingo coa recreación da batalla ás portas das Torres do Oeste.

As reporteiras do programa seguen a estela das celebracións na honra da Virxe do Carme pola costa galega e visitan o porto de Celeiro, en Viveiro, Chapela, en Redondela, e Cangas, onde a procesión coa ofrenda floral aos mariñeiros falecidos dá a volta por toda a ría de Vigo.

"Vaia Troula" tamén leva os espectadores da TVG a unha das romarías máis singulares de cantas se celebran en Galicia, en San Xosé de Ribarteme, no concello das Neves, onde rito e relixión se mesturan nunha procesión de cadaleitos, e a Ortigueira, que homenaxea á súa patroa, Santa Marta, cuns festexos de carácter popular con desfiles, bandas de música, espectáculos de rúa e orquestras.

Os veciños tamén son os protagonistas das festas da parroquia de Piñeira, en Monforte de Lemos,  onde, ademais da música, se preparan xogos e concursos de auga no río. As cámaras do programa, presentado por Nieves Rodríguez, tamén foron testemuñas da romaría de San Fins do Castro, de Cabana de Bergantiños, coñecida polo seu tradicional Berro Seco, en que os máis novos se bañan en viño, e da Festa Hortera de Porto do Son, que nesta edición lle rende homenaxe ao cantante Raphael.

Atopar capítulo por: